A Xunta impulsa a participación de empresas agroalimentarias galegas na primeira Feira Internacional de importación de China

Lun, 18/06/2018 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e Shi Ming Fang, presidente da multinacional chinesa Bright Food, principal accionista da conserveira Albo, mantiveron hoxe un encontro en Santiago de Compostela que permitiu seguir avanzando nas alianzas comerciais entre China e Galicia.

Grazas á colaboración entre a Xunta e esta compañía, unha ducia de empresas galegas do sector da alimentación que se xa se están comezando a identificar participarán da man de Bright Food na primeira edición da China International Import Expo, que se celebrará en Shanghai do 5 ao 10 de novembro.

Este encontro, impulsado polo Goberno chinés como un firme apoio á liberalización do comercio e co obxectivo de abrir este mercado asiático ao mundo, configúrase como unha oportunidade única para as empresas galegas, que apostan pola innovación e a calidade como clave para introducirse na que é xa a segunda economía mundial. Segundo a organización, espérase que arredor de 150.000 compradores chineses e de todo o mundo participen na China International Import Expo.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/31548/xunta-impulsa-participacion-empresas-agroalimentarias-galegas-primeira-feira