A Xunta inicia esta semana os cursos no Centro de Formación Ocupacional de Lugo, que ofrecen un certificado de profesionalidade a 250 traballadores desempregados
A Consellería de Economía, Emprego e Industria dá comezo esta semana á programación de cursos propios no Centro de Formación Ocupacional de Lugo, que ofrecerán 255 prazas para traballadores desempregados e dan dereito á obtención dun certificado de profesionalidade.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, sinalou que ao longo das vindeiras semanas poranse en marcha en total 17 actividades formativas, que supoñen un investimento de 439.000 euros; os cursos teñen unha duración de entre tres e sete meses.
Balseiro subliñou que este centro da Xunta dispón “dos medios materiais e didácticos necesarios para impartir axeitadamente os coñecementos teóricos e prácticos que se requiren para acadar unha formación profesional de calidade”. Ao respecto, lembrou que a consellería colabora con distintas entidades cedendo as instalacións para outro tipo de accións formativas cando hai a dispoñibilidade de aulas.
Nesta semana, a consellería pon en marcha os cursos de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, Montaxe e mantemento de instalacións frigoríficas e Operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos. E para o próximo día 26 está previsto o inicio do curso de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
