A Xunta organiza a semana vindeira no CFEA de Becerreá un curso de mellora xenética e selección da abella local negra autóctona galega

Ven, 30/07/2021 - 11:59

A Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- ten programado entre os vindeiros martes 3 e mércores 4 de agosto un curso de mellora xenética e selección da abella local negra autóctona galega.

A acción está programada no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá.

A iniciativa constará de dez horas lectivas, a metade teóricas e a outra metade prácticas.

Deste xeito, para abordar a selección de exemplares, nas sesións tratarase a poboación de abellas, a cría, o comportamento de defensa, a tendencia á enxamia e a produción de mel.

Tamén a mortandade natural por varroase, o nivel de infestación da varroa e como acometer tests de hixiene, co establecemento dunha colonia de ensaio a partir dun núcleo.

Seguidamente, instruirase sobre a preparación da nova colmea, a súa forza e saúde, a selección de cadros de abellas, a transferencia de cadros na nova colmea e a comprobación do volume de abellas en comparación co alimento necesario.

Por último, de cara á fase de reprodución, formarase sobre a cría de raíñas, a fecundación natural e a fecundación artificial.

Máis aló do obxectivo concreto do curso, a acción persegue fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo á sustentabilidade da economía rural, así como impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables economicamente, facilitando a entrada no sector de apicultores adecuadamente formados.

Nesa liña, quérese fomentar tamén a transferencia de coñecementos e innovación aos produtores para alcanzar os obxectivos da Estratexia Europa 2020 dun crecemento intelixente, sustentable e integrador.

Ao tempo, perséguese apoiar a prevención e a xestión de riscos nas explotacións apícolas e restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa apicultura.

Este curso de mellora xenética e selección da abella local negra autóctona galega está dirixido a persoas vinculadas coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/60540/xunta-organiza-semana-vindeira-cfea-becerrea-curso-mellora-xenetica-seleccion