A Xunta pon en marcha a campaña 'Móvete!' coa recomendación de 12 hábitos saudables para reducir o sedentarismo na oficina

Lun, 17/12/2018 - 08:30

A Xunta vén de poñer en marcha Móvete! E reduce o sedentarismo na oficina, unha campaña dirixida a que os traballadores e traballadoras adquiran unha serie de hábitos e pautas saudables para reducir o sedentarismo no traballo fomentando un estilo de vida máis saudable e, polo tanto, un emprego de calidade.

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, e a directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentaron hoxe a iniciativa en Santiago a través da que se repartirán 6000 exemplares dun cartel no que se recollen 12 hábitos saudables para facer menos sedentario o traballo de oficina e 4300 exemplares dun calendario/semanario no que os traballadores e traballadoras poderán apuntar día a día as actividades que están a facer e realizar unha avaliación semanal. O material informativo repartirse tanto en centros de traballos privados como na Xunta e no resto de administracións públicas.

A campaña propón 12 hábitos saudables para que cada mes se incorpore ao estilo de vida de cada persoa un deles co obxectivo de que ao final do ano se consiga ter normalizado durante a xornada laboral as 12 pautas que reducen o sedentarismo. A secretaria xeral de Emprego destacou que as empresas deben facilitar e promover a realización destes hábitos e, por outro lado, os traballadores e traballadoras deben concienciarse sobre que a integración destes hábitos a súa vida diaria supón un beneficio para a súa saúde.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36225/xunta-pon-marcha-campana-movete-coa-recomendacion-12-habitos-saudables-para-reducir