A Xunta pon en marcha un segundo obradoiro dual de emprego en Valga e Moraña para formar este ano a 36 desempregados cun investimento de case 700.000€

Mér, 13/01/2021 - 08:30

A Consellería de Emprego e Igualdade vén de poñer en marcha un segundo obradoiro dual de emprego nos concellos de Valga e Moraña, xa que á iniciativa laboral para menores de 30 anos que arrancou hai un mes e medio vén de unirse Ulla-Umia V, o que permitirá formar este ano a 36 persoas desempregadas dos municipios cun investimento global de case 700.000€.

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, que inaugurou este novo obradoiro cos alcaldes de Valga e Moraña, José María Bello e José Cela, no Auditorio Municipal en Cordeiro, destacou a “forte aposta do Goberno galego pola formación, a inserción e o traballo” nestes dous concellos, xa que van dispoñer de dous obradoiros, e na bisbarra de Caldas.

Nesta comarca desenvolverase tamén unha terceira iniciativa baixo o formato dual que se presenta coa denominación Os Camiños do Camiño e que se inaugurará mañá en Caldas de Reis. En total, serán tres obradoiros de emprego nesta zona cun investimento de 952.000€ e que formarán e mellorarán a empregabilidade de 51 persoas sen traballo.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/54537/xunta-pone-marcha-segundo-taller-dual-empleo-valga-morana-para-formar-este-ano