A Xunta presenta ao sector a nova iniciativa Comercio 360 co obxectivo de impulsar a súa competitividade e modernización

Xov, 23/05/2019 - 08:30

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, informou esta mañá en Pontevedra sobre a nova iniciativa Comercio 360, coa que a Xunta pretende dar un pulo a este sector mellorando tanto a súa competitividade como a súa modernización a través da dixitalización, a economía circular e o produto local.

Tal e como explicou a directora xeral aos comerciantes pontevedreses, as novas medidas, que se poñerán en marcha a partir deste mes, pretenden dar resposta ás demandas dos clientes, anticipándose ás súas necesidades, e adecuarse aos novos hábitos que se teñen detectado no eido comercial.

Cunha visión a tres anos (2019-2021), neste primeiro exercicio destinaranse 5,7M€ para poñer en funcionamento medidas de sensibilización, axudas para a ecoinnovación e laboratorios comerciais, que se suman á convocatoria de modernización e dixitalización do comercio de proximidade que está aberta ata o 27 de maio.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria promoverá o labor de sensibilización e divulgación do Comercio 360 coa realización de xornadas e a análise de casos de éxito, así como a posta en marcha dun espazo web específico.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/40003/xunta-presenta-sector-nova-iniciativa-comercio-360-obxectivo-impulsar-sua-competitividade