A Xunta presenta en Lugo os novos servizos de innovación para pemes incluídos no Programa Reacciona
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá nun seminario semipresencial na sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) sobre o programa ReAcciona da Xunta. Argerey explicou que os novos servizos de innovación que se incorporaron este ano á iniciativa veñen sumarse aos instrumentos de apoio á innovación que xa ten dispoñibles a Axencia, que cubre todas as etapas do proceso da I+D+i e todo tipo de empresas.
A directora de Gain insistiu en desterrar o tópico de que a innovación está reservada ás grandes empresas e recalcou a necesidade de aumentar a base de empresas innovadoras galegas co obxectivo de mellorar a súa competitividade e, por tanto, a da economía da Comunidade.
En concreto, o programa ReAcciona ofrece tres tipos diferentes de servizos de acompañamento e asesoramento especializado vencellados coa innovación: deseño e lanzamento de produtos e servizos innovadores, que consiste na aplicación de metodoloxías de deseño estratéxico a pemes co obxectivo de deseñar ou redeseñar produtos procesos ou servizos de maneira eficiente e poñendo ao usuario no centro; protección da innovación, que inclúe o impulso á protección das innovacións técnicas e tamén das creacións de forma; e asesoramento para o financiamento da innovación, dirixido a establecer unha estratexia para a obtención de financiamento para as actividades de I+D+i.
