A Xunta promove a innovación no sector do moble a través da mellora da formación impartida aos futuros profesionais

Xov, 27/06/2019 - 08:30

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, inauguraron esta mañá o evento de presentación de resultados do proxecto europeo FUTUREfacing. O obxectivo desta iniciativa é transferir o coñecemento sobre acabados e revestimentos na industria do moble á formación que se impartirá aos futuros profesionais do sector coa finalidade última de facilitar a súa aprendizaxe e promover a innovación no produto final.

Patricia Argerey apuntou que desde o seu departamento son conscientes da importancia de promover o coñecemento científico e tecnolóxico axustado ás necesidades da industria e a súa transferencia para impulsar a competitividade do tecido produtivo a través da innovación. Neste senso, destacou a confluencia de intereses entre o programa Erasmus+ que persegue proporcionar aos sistemas educativos un ensino que dote ás persoas das capacidades necesarias para o mercado laboral coas necesidades identificadas na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) de crear dinámicas sistemáticas de cooperación educación-empresa e de captar, formar e reter talento en Galicia.

Pola súa banda, o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa destacou a achega do CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) e do CIFP A Xunqueira (Pontevedra) “pola súa salientable achega aos resultados deste proxecto”. Así mesmo fixo fincapé na importancia da colaboración entre institucións educativas, empresas, axentes sociais e centros tecnolóxicos de innovación no éxito desta iniciativa. “Como proba diso cabe sinalar os seus resultados, que fomentan a innovación na formación do alumnado de FP e contribúen a dar resposta aos retos suxeridos pola industria 4.0”.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/41019/xunta-promueve-innovacion-sector-del-mueble-traves-mejora-formacion-impartida?langId=es_ES