A Xunta reforza a súa aposta pola economía social destinando un 33% máis en 2020 ao impulso do emprego e a formación neste eido

Lun, 04/11/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe nun encontro con representantes do Foro pola Economía Social Galega, que está integrado polas organizacións máis representativas do sector, que a Xunta reforza a súa aposta pola economía social incrementando nun 33% o orzamento para 2020 neste eido, ata chegar a máis de 27 millóns de euros.

A xuntanza serviu para intercambiar propostas e avaliar novas vías de colaboración para seguir fortalecendo un sector que en Galicia aglutina a 3000 entidades e emprega a 15.000 persoas, representando un 10% do PIB. Así, Conde trasladoulles que ao longo do ano que vén se poñerán en marcha diferentes medidas para impulsar as cooperativas, as sociedades laborais, os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral.

Estas iniciativas, que dan continuidade a medidas xa existentes e que introducen novos programas, irán encamiñadas a impulsar o emprendemento, a creación de postos de traballo, o emprego inclusivo e a formación neste ámbito, ademais de contribuír a difundir estas fórmulas empresariais entre a sociedade.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/44321/xunta-reforza-sua-aposta-pola-economia-social-destinando-33-mais-2020-impulso