A Xunta sinala que a formación de calidade axustada á demanda empresarial é clave para o inicio do camiño ao emprego da mocidade

Lun, 25/02/2019 - 08:30

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou hoxe na Coruña que a formación de calidade axustada á demanda empresarial é clave para que a mocidade galega poida acceder nas mellores condicións ao emprego. Na inauguración da xornada Camiño ao emprego, que forma parte do programa Galicia, Camiño Emprendedor, que organiza a Fundación Ronsell, e co que colabora a Xunta, sinalou a aposta do Goberno galego polo emprendemento e polas políticas de emprego dirixidas aos menores de 30 anos. De feito, apuntou que é un colectivo prioritario nas políticas laborais da Administración autonómica. O desemprego entre os menores de 30 anos reduciuse no último ano nun -7,39%.

Toca indicou que o emprego estable e de calidade é un obxectivo prioritario da Xunta, entendendo que a formación é o camiño necesario para que os novos perfís profesionais se adecúen ás necesidades e demandas reais das empresas condicionadas polos cambios tecnolóxicos que marca a Industria 4.0. De xeito, explicou que a Xunta está a reforzar este ano os seus programas de formación, co foco posto na mocidade, para dar resposta aos retos que están xurdindo do novo modelo económico baseado nas novas tecnoloxías. Así, os orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para 2019 aumentan nun 7% ata chegar aos 255,5 millóns de euros.

Entre as principais novidades que se porán en marcha, destacou o programa de Segunda Oportunidade, dotado con 9 millóns de euros ata 2020, para que cada ano 1000 mozos e mozas que non remataron os seus estudos poidan obter as competencias que melloren a súa empregabilidade.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/37698/xunta-sinala-que-formacion-calidade-axustada-demanda-empresarial-clave-para-inicio