A Xunta traballa na elaboración dun mapa de provedores do deseño galego para difundir a oferta de servizos do sector

Ven, 28/06/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Ferrol no II Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia organizado pola Xunta co obxectivo de seguir avaliando como evoluciona o sector en relación coas necesidades das empresas e para poñer en contacto aos deseñadores coas empresas para impulsar medidas concretas. Conde avanzou neste foro, celebrado no CIS Galicia, que a Administración autonómica está a traballar en novas propostas neste ámbito como é a elaboración dun mapa de provedores do deseño galego para difundir a oferta de servizos dos profesionais da Comunidade galega. Será unha ferramenta inédita que contribuirá a impulsar o sector.

Conde sinalou a importancia de apoiar os programas de deseño industrial como elementos de competitividade e, así, indicou que “a Xunta traballa para trasladar ao tecido produtivo galego que o deseño é innovación e é unha panca para ter poscionamento no mercado”.

O conselleiro explicou que Galicia ten experiencia neste eido a través de empresas como Finsa, Coren, Frinsa, Paco e Lola, Barreras, Rodman, Televés, Castrosúa ou Urovesa, que están recollendo o testemuño de pioneiros galegos do deseño como Sargadelos, Adolfo Domínguez ou Mondariz.

O titular de Economía, así mesmo, lembrou que Galicia puxo en marcha hai un ano, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), o programa Deseño para a innovación 2020 co que a Comunidade galega se converteu nunha rexión pioneira en España ao ser a primeira en contar cunha ferramenta destas características. Referiuse, así mesmo, á materioteca que a Xunta vén de poñer en marcha en Ferrol, unha biblioteca de novos materiais vinculados co deseño, unha experiencia que, segundo Conde, “serve como base para que o tecido produtivo e as pequenas empresas saiban que a través do deseño se pode gañar en competitividade”.

Conde, para rematar, puxo en valor a necesidade de seguir impulsando un ecosistema galego de deseño potenciando o recoñecemento do seu valor e incorporando o deseño como unha marca de identidade propia, xa que apuntou que “con un bo deseño se pode ter un mellor produto porque o deseño de produtos e servizos tamén é Galicia Calidade”.