A Xunta traballa por impulsar a inserción laboral a través de programas formativos flexibles e accesibles
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, destacou hoxe o traballo da Xunta por impulsar a inserción laboral das persoas desempregadas a través dunha oferta de programas formativos flexibles e accesibles. Así o puxo de relevo na súa visita ao Programa Integrado de Emprego que desenvolve a Fundación Cultural da Estrada, no cal participan un cento de alumnos e alumnas.
A Xunta inviste neste programa anual, que remata o vindeiro 20 de outubro, 250.000 euros. Nel, ofértanse unha serie de actividades formativas e de coaching, e asesoramento personalizado tanto para persoas desempregadas como emprendedoras. Fai especial fincapé na aprendizaxe do inglés e na formación en liña e, de feito, imparte o certificado de profesionalidade en Docencia da formación profesional para o emprego na modalidade de teleformación. Tamén inclúe cursos sobre prevención de riscos laborais con especial atención aos protocolos de seguridade fronte á covid-19.
