A Xunta traslada aos comerciantes e autónomos de Vigo as medidas de apoio ao sector para reactivar a economía

Lun, 25/05/2020 - 08:00

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, mantivo esta tarde unha xuntanza telemática con comerciantes e autónomos para trasladarlles as medidas de apoio ao sector que a Xunta está poñendo en marcha para paliar os efectos da crise derivada da COVID-19 e impulsar a reactivación económica.

Segundo recoñeceu o conselleiro, a prioridade é traballar con anticipación e ir un paso por diante. Por iso, agora, tendo e conta a importancia que está cobrando a dixitalización, destacou o plan aprobado pola Xunta, que vai mobilizar 40 millóns de euros para que o sector do comercio, os autónomos e as pemes poidan acceder ás novas tecnoloxías. Así, o plan nace coa idea de facer que os comerciantes e autónomos galegos aproveiten todas as oportunidades que brinda a tecnoloxía para poder vender en tempo real 24 horas e 365 días ao ano.

Inclúe axudas por 4 millóns de euros para impulsar a modernización do comercio. Son para mellorar a imaxe dixital a través de páxinas web, promocións audiovisuais ou redes sociais; para mellorar a imaxe física; abrir novos establecementos; desenvolver novas fórmulas de comercialización como, por exemplo os pop-up; e adquirir novo equipamento.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/49068/xunta-traslada-aos-comerciantes-autonomos-vigo-medidas-apoio-sector-para-reactivar?langId=gl_ES