21 prazas de intercambio para mozos en arte dixital

Lun, 23/12/2013 - 13:37
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado vén de abrir o prazo de inscrición para que os mozos e mozas galegos poidan participar no programa de intercambio ‘Imaxina Atlántica 3.0’ que está dirixido para profesionais do eido da arte dixital. O obxectivo é que poidan dar a coñecer os seus proxectos creativos fóra de Galicia, e, ao mesmo tempo, aprender das iniciativas doutros mozos e mozas. Do que se trata é de promover e estimular a innovación e a profesionalización da mocidade galega dentro dos parámetros da creatividade e o emprendemento. As 21 prazas están distribuídas en varias localidades: 7 para Porto (Portugal) de cinco días de duración, entre o 27 e o 31 de xaneiro; 6 prazas nas vilas de Xixón e Avilés (Asturias) cunha duración de 4 días do 3 ao 6 de febreiro: 2 prazas para Donegal (Irlanda) entre o 10 e o 14 de febreiro; e 6 prazas en Angoulëme (Francia) de 6 días, do 17 ao 22 de febreiro. O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de xaneiro e está dirixido a aqueles mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos de idade que desenvolvan unha actividade de xeito profesional, en activo ou como demandante de emprego, ou académico, nalgunha das seguintes disciplinas: videocreación, videoxogos, banda deseñada, realidade aumentada ou aplicacións tecnolóxicas para o desenvolvemento noutros sectores, entre outros, xeocalización ou apps. Os interesados poden xa tramitar toda a documentación na web xuventude.xunta.es. Antes de partir cara o lugar elixido para a estadía, os participantes programarán as intervencións creativas e conformarán a base do proxecto que desenvolverán en cada unha das súas categorías. Xa no emprazamento do intercambio, cada equipo manterá reunións con mozos da localidade seleccionada co propósito de intercambiar experiencias, ao tempo que visitarán diferentes proxectos empresariais de referencia e exporán o seu traballo. De volta a Galicia, o equipo presentará unha memoria final do labor realizando durante a súa estadía. A finalidade do programa ‘Imaxina Atlántica 3.0’, que está enmarcado dentro do proxecto Espazo Atlántico, territorios creativos e innovadores, é tamén dar a coñecer a Europa Atlántica a través das novas tecnoloxías; presentar a cultura galega; apoiar proxectos de creatividade innovadores; e considerar fórmulas creativas e innovadoras para emprender novos proxectos en diferentes sectores da poboación. Ademais dos intercambios, realizaranse tamén seminarios técnicos internacionais, aos que os mozos e mozas poderán asistir, ao tempo que se creará unha plataforma virtual para a publicación e difusión dos novos creadores de cara á sociedade e a Europa en xeral. Tamén se creará un espazo de colaboración entre os profesionais, estudantes, novos creadores e formadores e, especialmente, dirixido a emprendedores e a mozos na busca de traballo. Por último, terán lugar encontros onde os profesionais poderán intercambiar as súas experiencias e buscar negocio para as súas empresas.