A Consellería de Benestar concedeu no 2013 un 38% máis de axudas da Renda de Inclusión Social que o ano anterior
Xov, 29/05/2014 - 10:55
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, asegurou no Parlamento que o ano pasado concedeu un 38% máis de solicitudes da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) que en 2012 e destacou o esforzo orzamentario realizado nos últimos anos para atender aos colectivos máis vulnerables ante a crise.
Mato enmarcou estes datos no incremento experimentado polas solicitudes de RISGA e Axudas de Emerxencia Social (AES) xa que desde 2009 o número de expedientes disparouse nun 117%. A titular de Benestar tamén recoñeceu que o aumento da demanda está a provocar “situacións indesexables” e “demoras difíciles de soportar”, polo que prometeu “axilizar a tramitación”.
Ante estas cifras, a conselleira destacou a resposta do seu departamento, que incluso nun contexto de restricións orzamentarias fixo un “esforzo titánico” para atender todas as demandas das persoas máis necesitadas.
Segundo os datos expostos por Beatriz Mato, a partida destinada a financiar a Risga este ano creceu un 21,4% con respecto ao orzamento de 2012 e un 88% sobre o de 2009.
A conselleira tamén adiantou algúns datos do informe anual de inclusión. Así, asegurou que o ano pasado se resolveron o 80% dos expedientes, unha porcentaxe que mantén a taxa de resolución en niveis similares aos de 2008, cando o número de solicitudes recibidas era menor.
Así mesmo, a titular de Traballo destacou que “ningún outro goberno ten destinado tanto orzamento á inclusión social”, un capítulo para o que este ano mobilizaranse 59,2 millóns de euros, un 75% máis que en 2009. Tamén destacou o incremento orzamentario da Orde de Axudas á Inclusión, a elaboración do Plan Galego de Inclusión Social ou o Estudo de Pobreza Infantil como algunhas das medidas nas que traballa o seu departamento co fin de evitar que se cronifiquen no tempo este tipo de situacións. Este é o principal obxectivo tamén da nova Lei de Inclusión de Galicia, en vigor desde xaneiro.
Dentro desta aposta pola inserción real dos colectivos máis desfavorecidos, a conselleira incidiu en que preto do 10% das persoas que percibiron a Risga ao longo do ano pasado, abandonaron o sistema tras atopar un traballo, “un dato esperanzador pero insuficiente”.
Contratos beneficiarios Risga
Precisamente, para favorecer a inserción laboral das persoas en risco de exclusión, Mato lembrou que o Consello da Xunta vén de aprobar unha convocatoria de axudas dotada con 3 millóns de euros que permitirá a contratación duns 600 perceptores da RISGA. A orde, que entrará en vigor a próxima semana, está destinada a concellos e agrupacións locais.
Este programa execútase por vez primeira e ten como obxectivo favorecer a inserción laboral destas persoas e evitar que se cronifique no tempo a súa situación de exclusión.
Os beneficiarios desta iniciativa serán perceptores da RISGA cunha antigüidade mínima de seis meses e que estean inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia. Ademais, daráselles preferencia a aqueles que teñan asinado un proxecto de inserción de carácter laboral. As contratacións durarán entre 7 e nove meses e serán a tempo parcial, aínda que sempre deberán estar por riba do 50 por cento da xornada.
