A Consellería de Cultura e Educación recibe preto de 9.400 solicitudes para o proceso de acreditación da experiencia profesional

Lun, 21/04/2014 - 09:16
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibiu preto de 9.400 solicitudes para o proceso de avaliación, recoñecemento e acreditación de competencias profesionais a través da experiencia laboral ou de formación non formal convocado o pasado mes de xaneiro. As listaxes definitivas de admitidos publicaranse o vindeiro día 24 de abril. No proceso participaron máis de 2.000 persoas, tendo en conta ademais que cada un dos aspirantes pode solicitar a acreditación de varias unidades de competencia. O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad ofertou este ano un total de 8.230 prazas en unidades de competencia correspondentes a 25 ciclos formativos de 16 familias profesionais. Nesta convocatoria incorporáronse campos profesionais relacionados coas familias profesionais de Artes gráficas, Informática e comunicacións e Industrias Alimentarias. Ademais, convocáronse prazas nas familias profesionais de Administración e xestión, Edificación e obra civil, Electricidade e electrónica, Fabricación mecánica, Hostalaría e turismo, Imaxe persoal, Instalación e mantemento, Madeira, moble e cortiza, Química, Sanidade, Servizos socioculturais e á comunidade e Transporte e mantemento de vehículos. O obxectivo deste proceso é dar resposta á demanda manifesta de diferentes colectivos que necesitan acadar unha certificación oficial da súa cualificación para o desempeño das súas actividades profesionais ou acceder á mobilidade na súa profesión e precisan contar coa acreditación das súas competencias profesionais, o que resulta de especial importancia no contexto económico e coas actuais taxas de desemprego.