A Xunta aposta desde 2009 por priorizar a estabilidade do emprego público.

Mér, 16/04/2014 - 10:34
Os empregados públicos da Xunta percibirán neste 2014 as mesmas retribucións que en 2013 e farán menos esforzo que en 2012. É dicir, non terán que facer esforzos adicionais e non haberá unha diminución das súas retribucións. Os empregados públicos perciben as mesmas pagas extras que antes da crise. E trátase dun esforzo progresivo en función da nómina do traballador: fai máis o que máis gaña. Coa colaboración dos traballadores públicos, Galicia foi quen de apostar claramente nestes últimos anos polo mantemento dos servizos sociais, sanitarios e pola educación, cun gasto social que en plena crise representa case o 80% do orzamento. Ademais: - A Xunta mantén estable o seu emprego público. O número de empregados públicos da Administración galega é similar ao que había antes da crise. O que si reduciu a Xunta (nun 36%) é o seu persoal eventual de gabinete respecto a 2008. - Pola contra, no último ano o conxunto de CC.AA. perderon 53.000 efectivos e só a Junta de Andalucía perdeu 15.300 traballadores públicos. En todo caso, a Xunta aposta desde 2009 por priorizar a estabilidade do emprego público, atendendo e blindando os servizos públicos. Tamén se están a adoptar medidas para mellorar a situación do emprego público, impulsando concursos de traslados (unhas 7.000 prazas ofertadas dende 2009), derrogando por lei a posibilidade de reducir a xornada laboral dos interinos, e aprobando ofertas de emprego pese ás limitacións impostas polo Estado.