A Xunta destaca a importancia da formación específica para dar resposta ás emerxencias que se poidan dar no mar
Mér, 21/05/2014 - 11:16
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou na Estrada a importancia da prevención e da formación específica para dar resposta ás emerxencias que se poidan dar no mar. Foi na inauguración da ‘Xornada sobre resposta á contaminación mariña accidental’, na que tamén participou a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, e que contou con máis de cen inscritos.
Villanueva lembrou que desde inicios dos anos 70 o litoral galego foi escenario de seis episodios de contaminación mariña vinculados con accidentes de buques nas súas costas, algo que ten motivado a creación por parte do actual Goberno galego do Plan Territorial de Emerxencias por Contaminación Mariña Accidental ou ‘Plan Camgal’.
A este Plan súmanse actividades como a que hoxe se inaugura na Agasp, que teñen como obxectivo dar a coñecer o marco normativo que regula as operacións de contaminación mariña accidental, os diferentes Plans de Emerxencias para este tipo de situacións, os recursos materiais e humanos cos que conta a Xunta; así como os principais métodos de resposta á contaminación mariña accidental tanto no mar como na costa.
Para explicar todos estes asuntos, a xornada contará con relatores de recoñecido prestixio e experiencia, tanto do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, como das consellerías do Medio Rural e do Mar e Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e do ámbito xudicial.
Os primeiros relatores serán Garbiñe Ayensa e Pedro Montero, do Intecmar, que explicarán os sistemas de resposta no mar -nacional, rexional e locais- e os aspectos da costa de utilidade na loita contra a contaminación mariña accidental, respectivamente; mentres que Antonio Navas, de Gardacostas de Galicia, centrarse na resposta no mar do ‘Plan Camgal’.
Pola súa banda, Eugenia Molina e José Francisco Alonso, do Servizo de Intervención Ambiental, centraranse nas actuacións de resposta en terra e Jose Manuel Blanco, da Subdirección Xeral de Espazos naturais e Biodiversidade fará especial referencia ás actuacións de resposta en espazos naturais protexidos.
A última intervención, antes da mesa redonda final, será a do Fiscal do Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, que exporá aos presentes determinados aspectos do código penal e a xurisprudencia relativa aos delitos ambientais.
