A Xunta formará a preto de 2.200 persoas desempregadas en Lugo para mellorar as súas opcións de acceso ao mercado de traballo

Mér, 23/07/2014 - 11:23
A Xunta de Galicia dará formación ao longo dos próximos meses a preto de 2.200 persoas desempregadas da provincia de Lugo para incrementar as súas posibilidades de acceso ao mercado laboral. Así o explicou a delegada territorial, Raquel Arias, quen presentou a primeira fase da oferta de cursos da Consellería de Traballo e Benestar para traballadores e traballadoras sen emprego. Arias informou de que nestes cursos invístense preto de 7,5 millóns de euros, dos cales, 3,8 millóns son xestionados directamente polos servizos desta Delegación Territorial de Lugo. Estes datos sobre beneficiarios e investimentos, subliñou, “representan un lixeiro incremento con relación ao último exercicio, se ben estes datos poden aínda aumentar tan pronto se resolvan novos cursos ao longo dos próximos meses”. Estas accións formativas di¬rixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas (AFD) son sufragadas pola Consellería de Traballo e Benestar e promovidas por institucións, entidades sen ánimo de lucro e empresas. Ata o de agora, segundo sinalou a delegada, están programados 145 cursos, 21 dos cales están organizados por concellos e 19 por sindicatos. Ademais, 21 cursos corresponden aos centros propios da Consellería en Lugo, Viveiro e Monforte. O resto dos cursos correspóndense con accións formativas promovidas por organizacións empresariais e diversas entidades sociais, así como empresas, entre as que se inclúen ás academias de formación. Importancia da reorientación formativa O obxectivo destas accións formativas, afirmou Arias, “é reorientar a traxectoria profesional das persoas en situación de desemprego, xa que no actual contexto resulta imprescindible reciclarse e formarse en novas materias; adaptarse para competir con máis recursos no panorama actual do mercado de traballo”. Ao respecto, Arias valorou “a concorrencia de numerosos actores que axudan a programar unha oferta local, axustada ás circunstancias do municipio ou da comarca, e polo tanto máis próxima ás necesidades reais das empresas”. Así, destacou que se implicarán neste proxecto 7 concellos da provincia, ademáis da Deputación de Lugo, que organizan en total 21 cursos, catro dos cales son promovidos polo ente provincial, aínda que coa financiación do departamento autonómico de Traballo. En total, a estes 21 cursos destínanse preto de 900.000 euros. Neste sentido, Arias sinalou que “o número de desempregados que recibirán formación en Lugo a través da Xunta é catro veces superior á oferta da Deputación neste ámbito”, segundo as cifras expostas dende o propio organismo provincial. Como todos os anos, engadiu, “é tamén destacable a implicación dos axentes sociais, tanto dos sindicatos, a través das súas áreas de formación, como das organizacións empresariais así como das entidades sociais”. Na configuración da oferta formativa colaboran tamén os centros integrados de formación profesional da provincia, o Politécnico e As Mercedes, de Lugo; e o Porta da Auga, en Ribadeo, así como o IES A Pinguela e o IES Gregorio Fernández, de Monforte e Sarria, respectivamente. Arias incidiu en que este plan pretenden atender aos requirimentos de competitividade das empresas, recoñecendo os sectores en alza e cualificando ás persoas desempregadas nas habilidades que demandan nos novos viveiros de emprego. Por iso, subliñou, un ano máis abundan as accións formativas relacionadas coa atención sociosanitaria, ata o punto de que 23 cursos están relacionados con esta materia. “Quere isto dicir –apuntou- que entre todos estamos a aproveitar o importante viveiro de emprego que supón a atención á dependencia, e atendendo aos requirimentos de profesionalización do sector”. Oferta propia Arias fixo especial mención á oferta deseñada polos centros propios da Consellería de Traballo e Benestar na provincia, que contan cun orzamento propio e independente do programa de subvencións. Estes centros, asegurou, “xogan un importante papel porque completan o catálogo de cursos, polo xeral introducen accións de corte técnico e dispoñen de instalacións, ferramentas mecánicas e tecnolóxicas axeitadas para a aprendizaxe práctica”. Así, o Centro de Formación Profesional Ocupacional de Lugo organiza 13 cursos, en sectores tan diversos como a atención sociosanitaria, as instalacións eléctricas, sistemas microinformáticos ou electromecánica de vehículos. Igualmente, o Centro de Formación Ocupacional de Viveiro convoca cinco cursos, e a Unidade de Acción Formativa de Monforte outros tres. Para a Xunta de Galicia, concluíu a delegada, “as accións de formación profesional conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego. Á vista está o importante esforzo inversor que realiza a Consellería de Traballo e Benestar nestas medidas para mellorar a empregabilidade”.