A Xunta impulsa a competitividade das empresas artesás cun novo programa para apoiar a chegada a novos mercados e a formación

Lun, 19/05/2014 - 09:17
A Consellería de Economía e Industria pon en marcha un novo programa de axudas para impulsar a competitividade da artesanía galega apoiando o acceso a novos mercados e clientes e a formación especializada dos profesionais do sector. Mediante a convocatoria que se publicará mañá luns no Diario Oficial de Galicia, os titulares dos obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia poden obter ata 5.000 euros de axudas para participar en diferentes feiras e certames nacionais e internacionais, e para acceder a formación especializada. Así, no programa, que conta cunha dotación inicial de 320.000 euros e cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto durante un mes, establécense axudas para a participación como expositor en feiras e certames profesionais nacionais ou internacionais de ata 1.800 euros por evento, mentres que para feiras non profesionais de artesanía fóra do ámbito da comunidade autónoma establécense apoios de ata un máximo de 900 euros por encontro. Ademais, os obradoiros artesanais poden acceder a axudas de ata un máximo de 900 euros para a participación en accións de formación especializada ou que contribúan a mellorar a capacitación e modernización da actividade. Entre outros aspectos, primaranse as solicitudes presentadas por mozos menores de 36 anos, por mulleres, e de obradoiros situados en concellos menores de 5.000 habitantes, así como os das provincias de Ourense e Lugo, e das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e a Costa da Morte, ao abeiro dos respectivos plans Impulsa. A posta en marcha deste programa de axudas enmárcase no novo Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta elaborada en colaboración co sector que desenvolve liñas de acción concretas ata o 2016 cunha visión a longo prazo para conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego. Encontro en Arxentina Dentro tamén da aposta da Consellería de Economía e Industria por mellorar a comercialización da artesanía galega, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño forma parte da delegación empresarial, institucional e artística que representa a Galicia no Mercado de Industrias Culturais do Sur (MICSur), que remata hoxe na cidade arxentina de Mar del Plata (Arxentina). A Fundación está a manter diferentes contactos co obxectivo de potenciar as oportunidades de negocio para a Artesanía de Galicia, impulsando a internacionalización do sector artesán galego nun encontro no que participan dez países: Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, Paraguai, Perú, Uruguai, e Venezuela, e no que Galicia acode como convidada.