Aberto o prazo de inscrición para os mozos e mozas interesados en participar no programa ‘Iniciativa Xove’ de Benestar

Ven, 25/04/2014 - 10:07
Xa está aberto o prazo de inscrición para participar no programa ‘Iniciativa Xove’ da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado de Traballo e Benestar, dotado con máis de 500.000 euros co obxectivo de financiar proxectos presentados e elaborados polos propios mozos e mozas. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou o obradoiro Móvete de Valga (Pontevedra), onde recordou que o período de inscrición para participar nesta iniciativa rematará o próximo 15 de maio. Poderán presentarse tanto asociacións xuvenís xa constituídas, como grupos informais de mozos e mozas que decidan unirse para emprender un novo proxecto. Cada un deles optará a un máximo de 4.000 euros. Terán prioridade aquelas actuacións que se baseen en áreas como o emprendemento e a empregabilidade, a creatividade, as novas tecnoloxías ou a toma de decisións e liderado feminino, entre outras. Con Iniciativa Xove estimúlanse, segundo Rodeiro, valores e habilidades “moi importantes” como o “talento e a creatividade, pero tamén a responsabilidade, o traballo en grupo ou a capacidade de liderado”.