Artesanía de Galicia organiza un curso online para formar os profesionais do sector en marketing dixital e xestión de redes sociais

Ven, 09/10/2020 - 08:30

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza un curso online de formación para achegar o sector artesán galego aos novos métodos de márketing e de comunicación, así como mellorar a competitividade e a comercialización nas súas empresas. As clases terán lugar os días 22, 23, 29 e 30 de outubro e mais o 5 de novembro. O prazo de inscrición está aberto na páxina web da Fundación.

Ao longo da formación traballarase sobre a estratexia dixital, a construción da marca, a venda online, a creación de contido, o uso das redes sociais como ferramenta de difusión e de xeración de negocio, regras e tipos de contidos para as diferentes redes, a publicidade online e as ferramentas de monitorización e seguimento de clientes. Cada un dos participantes terá acceso a unha consultoría individualizada, na que poderá analizar o caso da súa marca e da súa estratexia dixital.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/52067/artesania-galicia-organiza-curso-online-para-formar-profesionais-sector-marketing