As axudas autonómicas de Aprol Rural impulsarán a contratación de 120 desempregados en 61 concellos lugueses

Lun, 08/04/2019 - 08:30

A Xunta vén de resolver a convocatoria de axudas do programa Aprol Rural 2019, que destina 1,5 millóns de euros para impulsar a contratación de 120 traballadores desempregados en 61 concellos rurais da provincia. O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, deu hoxe conta desta iniciativa, da que se benefician todos os municipios que o solicitaron.

En Lugo, o orzamento con respecto a 2018 crece nun 11%, e os 17 Concellos Emprendedores, que tiveron prioridade á hora de acceder a estes apoios, logran o dobre de contratos que os municipios que non contan con este distintivo autonómico que busca favorecer a actividade industrial na Comunidade.

No conxunto de Galicia destínanse en total 7 millóns de euros que posibilitarán o emprego de 531 galegos sen traballo en 268 concellos. A Consellería de Economía, Emprego e Industria financiará o 100% dos contratos que realicen as entidades locais do rural galego, que terán que estar vinculados á realización de tarefas relacionadas coa xestión do monte e a prevención de incendios nas faixas secundarias.

Así, os desempregados poderán contratarse para o desenvolvemento de actividades de silvicultura, limpeza de montes, a xestión da biomasa, a valorización forestal ou a planificación preventiva. O obxectivo é proporcionar ás persoas sen traballo que habitan nos concellos rurais de Galicia -aqueles que non contan con ningunha zona densamente poboada a nivel parroquial- unha experiencia práctica e profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo. 

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/39040/axudas-autonomicas-aprol-rural-impulsaran-contratacion-120-desempregados-61-concellos