As axudas autonómicas de Aprol Rural impulsarán a contratación de 208 desempregados en 87 concellos ourensáns, 53 deles emprendedores

Mar, 09/04/2019 - 08:30

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de resolver as axudas de Aprol Rural, unha actuación que se desenvolve por cuarto ano consecutivo co principal obxectivo de incrementar e mellorar as oportunidades laborais do rural e dar un impulso aos traballadores das zonas menos poboadas de Galicia. Así, o Goberno galego apoiará a contratación de 208 persoas sen emprego en 87 concellos do rural da provincia ourensá, 53 deles Concellos Emprendedores.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá o Concello de Verea, un dos 87 concellos da provincia beneficiados con este programa e ao que se lle concederon axudas para contratar os catro traballadores que solicitou. Verea, ademais, é un dos 53 Concellos Emprendedores da provincia que tiveron prioridade á hora de acceder a estes apoios xa que logran o dobre de contratos que os municipios que non contan con este distintivo autonómico, que busca favorecer a actividade industrial na Comunidade, chegando a repartirse o 60% do total do investimento.

Díaz Mouteira subliñou a aposta do Goberno galego polo rural nesta liña de axudas, que se traduce no incremento dun 13% do investimento e dun 20% da contía das axudas aos traballadores, que este ano se sitúa nos 13.176 euros. Ao abeiro deste programa, incentívase a contratación de desempregados, durante 9 meses a tempo completo, para realizar labores de silvicultura, xestión da biomasa, limpeza de montes, valorización forestal ou planificación preventiva. O obxectivo é proporcionar ás persoas sen traballo que habitan nos concellos rurais de Galicia -aqueles que non contan con ningunha zona densamente poboada a nivel parroquial- unha experiencia práctica e profesional necesarias para facilitar a súa inserción no mercado de traballo.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/39064/las-ayudas-autonomicas-aprol-rural-impulsaran-contratacion-208-desempleados-87