Benestar avoga por crear oportunidades para que o potencial da xuventude se converta nunha realidade

Ven, 25/04/2014 - 10:12
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apostou por que toda a sociedade cree as oportunidades e o contexto axeitado para que o potencial da mocidade, o seu talento e as súas capacidades se convertan nunha realidade. Beatriz Mato participou na entrega de premios do décimo concurso de fotografía Xurxo Lobato, na Coruña. Na súa intervención deu a noraboa aos 270 participantes que coas súas preto de 700 fotografías “encheron de imaxinación e talento o concurso”. Así mesmo indicou que Xurxo Lobato converteu a súa vocación na súa profesión “grazas ao seu esforzo e talento”, e engadiu que precisamente a xente nova é a responsable do futuro de Galicia, polo que é necesario que conten co apoio tanto da Xunta e as administracións, como da iniciativa privada e o resto da sociedade. Esta iniciativa fomenta a participación e a creatividade dos máis mozos, que son precisamente dous dos eixos operativos do novo Plan Estratéxico da Xuventude 2014-2016, aprobado a pasada semana no Consello da Xunta. Este inclúe 240 medidas específicas, divididas en once áreas e que vai contar cun orzamento total de máis de 340 millóns de euros. Así mesmo, Mato lembrou que tamén a pasada semana publicouse no DOG a convocatoria da quinta edición do programa Iniciativa Xove, pioneiro en todo o Estado e que, cun orzamento de 500.000 euros, ten por obxectivo financiar proxectos no que o protagonismo corresponde aos mozos “de principio a fin”, o que “continúe a estimular valores como a responsabilidade, o traballo en equipo ou a capacidade de emprender e liderar proxectos”. Este programa aposta polo talento e a creatividade, como tamén o fai o certame Xuventude Crea, que abrangue un total de 11 especialidades diferentes: teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, moda e deseño de xoias.