Conde avoga polo esforzo conxunto para converter o emprego que vén nunha oportunidade laboral

Lun, 08/10/2018 - 08:31

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe en Santiago, na clausura das Xornadas de boas prácticas e aprendizaxe mutuo no Sistema Nacional de Emprego, a importancia da colaboración para que os servizos públicos de emprego poidan identificar o emprego que vén e convertelo nunha oportunidade laboral.

Para o titular de Economía é necesario dar unha resposta personalizada a cada persoa que busca un traballo, atendendo ao seu perfil profesional, e tendo sempre en conta as necesidades da era da dixitalización. Así, avogou por avanzar en novas ferramentas que poidan dar respostas á transformación que está a vivir o mercado laboral.

Deste xeito, agradeceu a celebración das xornadas, que na súa segunda edición, Galicia acolle por primeira vez e na que se avaliaron entre todas as comunidades autónomas un novo sistema de perfilado para os demandantes de emprego.

Na cita participaron preto de 80 profesionais do emprego entre directores xerais e representantes das diferentes administracións autonómicas de España; membros da Comisión Europea; expertos designados pola Rede de servizos públicos europeos; e consultores. Todos co mesmo obxectivo: a mellora dos servizos públicos de emprego enfocada cara á atención personalizada e á revolución tecnolóxica. Un informe do Foro Económico Mundial pon de manifesto que a transformación dixital axudará a xerar 130 millóns de empregos no mundo. De feito, 8 de cada 10 mozos e mozas de entre 20 e 30 anos que atopen un emprego en España nun futuro próximo exercerá profesións recentemente creadas.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/34163/conde-avoga-polo-esforzo-conxunto-para-converter-emprego-que-ven-nunha-oportunidade

SPE