Conde destaca que a formación deseñada polo tecido empresarial incrementa a competitividade e as oportunidades dos empregados

Mar, 12/03/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en San Cibrao das Viñas a importancia da formación de calidade para acceder ao mercado laboral na visita que realizou ao centro de formación especializado en aeronáutica que puxo en marcha Coasa o pasado mes de outubro. Nestas instalacións, que están acreditadas pola Xunta para expedir un certificado de profesionalidade, a compañía está a impartir as unidades formativas na empresa, o programa autonómico co que a Xunta financia ao 100% dos cursos que deseña e imparte o propio tecido produtivo. A iniciativa está dirixida a ocupados e desempregados e, no caso das persoas sen emprego, as empresas contan cun compromiso de contratar a un mínimo do 40% dos alumnos.

Coasa, na actualidade, está a desenvolver a terceira unidade formativa para desempregados que comezou o pasado mes de novembro e rematará en abril. Nela 12 alumnos e alumnas en situación de desemprego están a cualificarse na especialidade de mecanizado de elementos aeroespaciais. En total formaranse a través das tres accións formativas 36 persoas (24 xa se formaron), das que poderán contar cun emprego unha vintena delas (15 xa están contratadas). Trátase dun programa que combina teoría e práctica e que, en palabras de Conde, supón unha oportunidade para a empresa que mellora os seus procesos produtivos e gaña en competitividade e para os traballadores e traballadoras que cada vez están mellor formados e máis preparados.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/38209/conde-destaca-que-formacion-desenada-polo-tecido-empresarial-incrementa-competitividade