Conde pon de relevo en Vigo a contribución dos emprendedores ao desenvolvemento económico de Galicia

Ven, 29/11/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na gala de entrega dos premios de AJE Vigo que esta iniciativa é unha constatación do talento emprendedor dos mozos e mozas de Vigo e a súa comarca, e unha mostra clara da súa contribución ao desenvolvemento económico de Galicia.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que os emprendedores están a liderar a transformación de Galicia, e lembrou que, segundo o último informe GEM, a porcentaxe de poboación que iniciou ou se atopa nos primeiros anos dun proxecto empresarial acadou en 2018 o 5,6% do total dos habitantes de Galicia, superando en máis de medio punto á de 2017 (5,06%).

Ademais, catro de cada dez das iniciativas emprendedoras incipientes (37,8%) realizan actividades innovadoras, e a porcentaxe dos proxectos empresariais que exportan subiu ata o 32%. O crecemento desta cifra está liderado pola iniciativa feminina, e así, en máis do 57% dos casos a persoa que decide iniciar unha nova iniciativa empresarial é unha muller.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/45217/conde-pone-relieve-vigo-contribucion-los-emprendedores-desarrollo-economico-galicia