Conde pon en valor as oportunidades laborais da Industria 4.0 e a importancia de apoiar ás pemes na dixitalización e na formación

Xov, 20/06/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, destacou hoxe nunha xornada sobre Industria 4.0 que tivo lugar en Vigo as novas oportunidades laborais que está xerando o novo modelo de transformación dixital e a importancia de apoiar ao tecido empresarial neste proceso.

O conselleiro, en primeiro lugar, agradeceu á revista ToolMaker a organización da iniciativa, un evento solidario para recadar fondos a favor da Asociación Bicos de Papel para a construción dun parque na área oncolóxica infantil do Hospital Álvaro Cunqueiro.

No evento, que reuniu a profesionais e a empresas en torno ás ultimas novidades e tendencias, o titular de Economía puxo en valor as vantaxes da Industria 4.0 como son unha maior produtividade, máis eficiencia e a redución de tempos, “o que se traduce en empresas máis competitivas e nunha economía máis forte”, subliñou.

O conselleiro, ademais, incidiu na importancia de humanizar este proceso incidindo en que as persoas teñen que ser as protagonistas desta cuarta revolución industrial porque son as impulsoras e as destinatarias da transformación tecnolóxica e porque as novas ferramentas e tecnoloxías que están xurdindo teñen como misión principal estar ao servizo das persoas para mellorar a súa calidade de vida.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/40727/conde-pon-valor-oportunidades-laborais-industria-4-0-importancia-apoiar-pemes?langId=gl_ES