Conde resalta en Sarria que as pemes e os emprendedores son os mellores aliados de Galicia á hora de crear riqueza e emprego

Mar, 02/04/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Sarria na Gala da Hostalería Lucense que os empresarios e os emprendedores son os mellores aliados que pode ter Galicia á hora de crear riqueza e emprego, apuntando que as administracións teñen a responsabilidade de acompañalos, facilitando a implantación de iniciativas empresariais.

No encontro, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, Conde resaltou o papel tanto desta entidade como de cada unha das pemes e autónomos da provincia na súa dinamización económica. Neste sentido, lembrou que o ano pasado se crearon en Lugo un total de 429 empresas, un 11,72% máis que en 2017, cun investimento de máis de 26 millóns de euros.

O conselleiro salientou que, a través da Lei de implantación empresarial, se busca simplificar os trámites administrativos, ademais de contemplar bonificacións fiscais de ata o 95% nos impostos locais a través da figura dos Concellos Emprendedores. Dos 121 municipios galegos que contan con este distintivo 19 atópanse na provincia lucense.

Para achegar ás empresas os instrumentos precisos, Galicia conta co plan de financiamento empresarial, co que se apoiarán este ano 800 proxectos de emprendedores e pemes que investirán 290 millóns de euros en Galicia.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/38827/conde-resalta-sarria-que-pemes-emprendedores-son-mellores-aliados-galicia-hora