Conde sinala en Ourense que as mulleres están a protagonizar o crecemento e a transformación da industria forestal galega

Xov, 13/02/2020 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe en San Cibrao das Viñas (Ourense) no cuarto encontro Mulleres Protagonistas, que estivo centrado na industria forestal, que as mulleres están protagonizando desde os seus traballos na universidade, a industria ou os centros tecnolóxicos o crecemento e a diferenciación deste sector, clave para a economía galega. Así, a facturación do sector ascendeu ata os 2.300 millóns de euros en 2018, un 2% máis que no 2017. Ademais, o emprego medio na cadea forestal aumentou un 4,8% respecto a 2017, contando con case 22.000 asalariados directos.

O conselleiro, que lembrou que tan só o 20% das persoas ocupadas na industria da madeira, papel e mobles son mulleres, fixo fincapé en que o obxectivo é que cada vez haxa máis mulleres incorporadas ao forestal, especialmente en postos directivos e nos diferentes ámbitos da cadea de valor. Neste sentido, sinalou que a Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), se suma á iniciativa europea #DóndeEstánEllas, que ten como obxectivo aumentar a presenza de mulleres expertas na vida pública, especialmente como relatoras en conferencias e debates. Isto supón, segundo indicou o conselleiro, “un compromiso explícito para darlle protagonismo á muller en calquera acto ou medida que se impulse desde a Xunta de Galicia”.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/46988/conde-sinala-ourense-que-mulleres-estan-protagonizar-crecemento-transformacion?langId=gl_ES