Conde sinala que a formación e o emprego son o camiño para a integración das persoas que precisan máis apoio
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Lugo, na visita que desenvolveu á empresa de inserción laboral Grupo Dill, que a formación e o emprego son o camiño para garantir unha integración plena na sociedade das persoas que precisan máis apoio. Así, sinalou que a inclusión no mercado de traballo dos colectivos máis vulnerables é o principal reto das políticas de emprego da Xunta e, polo tanto, da nova Axenda de Emprego, que aprobou o Goberno galego o pasado mes de xuño para a recuperación do emprego de calidade e que vai en consonancia coas directrices marcadas no Plan de reactivación económica.
Conde puxo en valor o traballo que desempeña o Grupo DILL, con máis de dez anos de experiencia neste ámbito, ao contribuír activamente na inserción dos mozos e mozas que están a buscar una oportunidade laboral, incidindo na importancia da formación para o emprego para garantir unha inclusión efectiva no mercado de traballo.
O Grupo Dill traballa a favor da inserción sociolaboral de persoas desempregadas que se atopan en risco de exclusión social e de menores usuarios de centros tutelados pola Fundación Dignidade. Pasiño a pasiño, construíndo un Lugo máis inclusivo é o lema desta empresa que conta cunha media de inserción laboral do 60%. Os seus traballadores, ademais de contar cunha oportunidade laboral, aprenden un oficio. Entre os labores que desempeñan destacan o mantemento de edificios públicos, servizos de limpeza, o desenvolvemento de proxectos e obras, xardinería, restauración de mobiliario e atrezo para eventos.
