Conde sinala que os emprendedores son “o reflexo da Galicia que cre no seu presente e pensa no seu futuro”

Mér, 10/04/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta tarde na entrega do Premio Xove Empresario de Galicia, organizado pola Federación Gallega de Jóvenes Empresarios- AJE GALICIA, que os galardoados hoxe son “o reflexo dunha Galicia que cre no seu presente e, sobre todo, que pensa no seu futuro”.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que o traballo entre todos os axentes é a mellor maneira de acadar novos obxectivos, e recoñeceu o esforzo de emprendedores, autónomos e pemes, lembrando que tanto en 2017 como en 2018 se puxeron en marcha en Galicia máis de 4000 novas empresas.

Conde fixo fincapé en que o empeño da Xunta é facilitar o camiño ao emprendedor, eliminando barreiras burocráticas, creando un clima competitivo e impulsando a innovación. Neste ámbito, agradeceu a implicación dos 121 municipios galegos declarados Concellos Emprendedores, entre os que se atopa Sanxenxo, que decidiron colaborar coa Xunta no desenvolvemento da Lei de implantación empresarial rebaixando os seus impostos para ser máis atractivos e ter máis oportunidades de captar investimentos.