Feijóo destaca que o Plan de emprego xuvenil 2014-2015, dotado con 100 M€, beneficiará nos vindeiros dous anos a máis de 95.000 persoas a través dun paquete de 19 medidas para fomentar a formación e a inserción laboral da mocidade galega

Ven, 21/02/2014 - 11:09
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou onte na rolda de prensa do Consello a aprobación do Plan de emprego xuvenil 2014-2015 que, dotado con 100 millóns de euros nos próximos dous anos, beneficiará a máis de 95.000 mozos e contará cun paquete de 19 medidas para facilitar a súa inserción laboral a través de tres eixos fundamentais: a formación, a contratación e o emprendemento. “Unha folla de ruta específica -dixo- para procurar que os mozos e mozas galegas teñan un pouco máis fácil atopar un traballo, é dicir, un oco no mercado laboral”. Tal e como avanzara a principios desta mesma semana, Feijóo subliñou que se trata dunha actuación necesaria para abordar de forma específica un dos datos máis preocupantes da crise económica, como é o paro xuvenil que, segundo dixo, aínda que non son cifras “razoables”, en Galicia é cinco puntos inferior á media do resto de España. Nesta liña, destacou que, con carácter xeral, a maioría dos indicadores de Galicia se atopan nunha posición menos mala que no conxunto de España. Así, apuntou que a taxa de desemprego na Comunidade Autónoma é catro puntos inferior á media do resto de España; que no ano 2013 o paro rexistrado reduciuse en 10.000 persoas, e que Galicia é a comunidade autónoma onde máis se incrementou o índice de produción industrial. Ademais, sinalou que, a data de novembro, as exportacións situáronse tres puntos por riba do promedio estatal e o endebedamento da nosa comunidade é 3 puntos inferior á media. Feijóo subliñou que o programa presentado hoxe é “un plan concreto para os mozos e as mozas galegas, que non só os mantén como prioritarios nos accesos ás distintas fórmulas de axudas e incentivos á contratación da Xunta de Galicia, senón que debuxa unha folla de ruta específica para a mocidade galega que non atopa traballo”, asegurou. Unha xuventude mellor formada e con máis oportunidades laborais Ao fío disto, o responsable do Goberno autonómico avogou por afondar no eido da formación, e puxo como referencia os datos que acreditan que máis de 28.000 mozos e mozas menores de 30 anos ou non teñen ningún tipo de formación ou só teñen estudos primarios. Por iso, avogou pola necesidade de traballar “de forma concreta e específica” fronte a este escenario cara ao que se dirixe o plan, que pretende concretar obxectivos para mellorar a capacidade dos mozos de poder atopar un emprego. Segundo relatou, a metade das accións deste programa están, polo tanto, dirixidas ao fomento da formación; accións que aglutinan case o 75% do orzamento do proxecto e que completarán o camiño realizado nestes últimos anos nos que a preparación para o emprego da xente nova ten sido un dos eixes esenciais das políticas da Xunta nesta materia. O presidente autonómico destacou, tamén, a necesidade de seguir incentivando a contratación dos mozos e mozas menores de 30 anos. “Hai que promover que as nosas empresas poidan apostar por eles e conten cos mellores profesionais”, aseverou, despois de precisar que o plan aposta por novos mecanismos neste eido como: os incentivos á contratación de mozos que nin estudan nin traballan, ou os contratos de formación dual que ofrecen un contrato nunha empresa cun salario acorde ao convenio colectivo. No tocante ao emprendemento, Feijóo garantiu o apoio aos autónomos, aos emprendedores e ás cooperativas de xente moza. “Desde a Xunta temos feito do emprendemento do traballo autónomo un piar da nosa política activa de emprego”, aseverou e, neste sentido, precisou que o Plan de emprego xuvenil recolle unha serie de medidas como a nova Orde para autónomos menores de 30 anos, as axudas para a creación de pemes, ou as accións formativas en ferramentas de creación e xestión de empresas. Impulsar o cooperativismo Así mesmo, precisou que a estratexia presentada hoxe avoga, tamén, pola fórmula do cooperativismo. Ao respecto, lembrou que desde 2009 en Galicia se crearon 255 cooperativas onde traballan preto de 5.000 persoas. Feijóo resaltou que, neste eido, a nosa será unha das primeiras comunidades autónomas en contar cunha Lei de economía social que, como novidade, recollerá a creación da cooperativa xuvenil. O presidente da Xunta concluíu a súa intervención incidindo en que este Plan de emprego xuvenil está deseñado para que nos anos nos que se poida iniciar un tenue repunte do crecemento económico, que será probablemente máis sólido no ano 2015, se acompañe á mocidade cun plan de emprego específico, especialmente para aqueles mozos con máis baixa cualificación, que “son os que máis axuda e máis incentivo necesitan”, asegurou. Actuacións prioritarias para os mozos con máis baixa cualificación Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, insistiu en que ese é o obxectivo prioritario deste plan posto que, “as estatísticas indican que son os mozos con menor formación os que máis dificultades están a atopar para a súa inserción laboral”, concretou. Durante a súa intervención, a responsable de Traballo e Benestar fixo tamén fincapé nas novas medidas que se poñen en marcha ao abeiro deste plan: a atención preferente aos mozos que nin estudan nin traballan, así como os novos incentivos á contratación dirixidos a este mesmo colectivo; a formación de desempregados de baixa cualificación en centros educativos; a regulación de prácticas laborais para mozos cualificados; e o deseño de programas específicos para fomentar o emprendemento e o cooperativismo entre a mocidade. A maiores, e ata completar as 19 actuacións recollidas no plan, executaranse outras medidas relacionadas co emprendemento, as bolsas formativas ou a internacionalización. Dado que este programa busca beneficiar especialmente aos mozos e mozas con escasa ou nula cualificación, a formación é un dos seus eixos principais. Dentro desta liña de actuación, Mato destacou a formación para mozos sen cualificación, que lles permitirá obter certificados de profesionalidade; ou o contrato de formación dual, que permiten combinar un traballo (con salario acorde ao convenio colectivo) e unha formación específica, que supera o 25 por cento da xornada. Puxo en valor, tamén, a formación para desempregados en centros educativos, que se pon en marcha grazas a un acordo entre as Consellerías de Traballo e Educación; e o programa de atención preferente no Servizo Público de Emprego a mozos que nin estudan nin traballan, a través do que se lles deseñará un itinerario individual que combinará orientación, acompañamento e formación. Ademais, o documento aprobado onte inclúe medidas orientadas especificamente á contratación, como son os incentivos á contratación (incorpóranse como novidade uns específicos destinados aos mozos que nin estudan nin traballan); as prácticas de mozos cualificados en empresas, que durarán uns 9 meses; e o apoio aos autónomos a través dunha orde específica destinada á xuventude, no que as subvencións oscilarán entre os 6.000 e os 10.000 euros; un 10% máis que as axudas ordinarias ao colectivo de autónomos. Tamén se impulsará entre a xuventude o cooperativismo, unha fórmula que está demostrando unha especial resistencia á crise económica. Ademais, Mato resaltou a continuidade e impulso doutras medidas relevantes. No eido da cualificación, salientou a formación profesional dual e a modular; e a formación de mozos sen cualificación a través de iniciativas como os programas de cualificación inicial. Ademais, no ámbito do emprendemento, tamén se dá continuidade a actuacións como a rede galega de viveiros d empresa en centros educativos; as axudas para a creación de PEMES; as bolsas formativas para realizar proxectos de mellora nas pemes; as accións formativas de titorización en emprendurismo; ou as accións formativas en ferramentas de creación e xestión de empresas. Xa por último, no que se refire á internacionalización, destacou as bolsas de promoción exterior, así como as bolsas de traballo e a contratación de xestores en internacionalización.