Feijóo e Fátima Báñez asinan un convenio para a loita contra o emprego non declarado, que prevé a creación dun grupo de traballo especializado para detectar a ocupación irregular e fraudes á Seguridade Social
Xov, 22/05/2014 - 11:13
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, asinaron onte un protocolo de colaboración para a loita contra o emprego non declarado, que se enmarca dentro do Plan nacional contra o emprego irregular e a fraude á Seguridade Social e que prevé a creación dun grupo de traballo especializado na materia.
Segundo explicou Feijóo, coa rúbrica deste convenio preténdese facer fronte a prácticas que poñen en risco a sustentabilidade do sistema, supoñen un perigo para o mantemento dos servizos esenciais e xeran, ademais, importantes desigualdades entre os traballadores. Por iso, explicou, “conscientes do prexuízo e da incidencia que estas actuacións teñen, tanto nos dereitos dos asalariados como na competitividade da nosa economía”, a Xunta e o Ministerio de Emprego asinan este convenio.
Un acordo que, en palabras de Feijóo, “nos compromete a intensificar a colaboración” entre ambas as administracións; a “conxugar e coordinar dunha maneira máis eficaz as medidas autonómicas e estatais” nesta materia; e a “poñer en marcha os mecanismos necesarios para detectar e, en consecuencia, corrixir, as prácticas fraudulentas”.
A tal efecto, constituirase un grupo de traballo especializado que estará integrado, con carácter permanente, por representantes da Inspección de Traballo e Seguridade Social do Ministerio, adscritos á Comunidade, e por autoridades e persoal da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social e do Servizo Público de Emprego de Galicia. Ademais, con carácter temporal, tamén poderán formar parte do grupo representantes doutros departamentos da Xunta.
Plan galego de loita contra a fraude de prestacións e contra o traballo non declarado
O protocolo asinado onte -que terá vixencia ata o 31 de decembro deste ano, podendo prorrogarse por acordo expreso das partes-, reforza e complementa os obxectivos recollidos no Plan galego de loita contra a fraude de prestacións e contra o traballo non declarado, que persegue os seguintes obxectivos: detectar incumprimentos e irregularidades nas obrigas derivadas da percepción das distintas prestacións, subsidios e rendas para persoas en situación de desemprego e impulsar o afloramento da economía mergullada.
Así, este plan inclúe a programación de obxectivos no seo da Comisión Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social; a colaboración entre Inspección de Traballo e o Servizo Público de Emprego de Galicia; a elaboración dun Plan de actuación inspectora que combine a actividade inspectora planificada coa realización de visitas masivas sobre determinados sectores de actividade e da empresa; un acordo entre a Consellería de Traballo e a Fegamp de intercambio de información para a detección de actividades económicas non declaradas; a creación de instancias de colaboración estable entre a Xunta, o Servizo Público de Emprego autonómico, a Inspección de Traballo e a Fegamp; e a participación dos axentes sociais e económicos na execución das medidas incluídas neste programa.
A tal efecto, segundo relatou Feijóo, xa se teñen impulsado distintas medidas, como controis intensivos de demanda e cumprimento do compromiso de actividade subscrito polos perceptores de prestacións ou o control de posibles fraudes na renovación da demanda telemática de emprego desde o estranxeiro. De igual xeito, tamén se teñen posto en marcha protocolos de colaboración coa Inspección de Traballo para identificar os colectivos que presentan maior risco de compatibilizar prestacións con emprego non declarado; promoveuse a creación en cada provincia de equipos especializados na loita contra o emprego irregular; o fomento e dispoñibilidade para as visitas inspectoras en determinados horarios; reunións coa Axencia Tributaria para planificar actuacións coordinadas e transvasar información; ou o fortalecemento da colaboración entre as distintas administracións públicas implicadas na loita contra a fraude.
Resultados de 2013
Un conxunto de actuacións que xa achegou resultados, tal e como sinalou o presidente da Xunta, quen detallou que en 2013 se levaron a cabo máis de 43.300 actuacións a través do Plan de emprego non declarado, un 6,5 % delas con resultado de infracción. En materia de estranxeiría, as actas de infraccións levantadas supuxeron un 5 % do total e, no que respecta á Seguridade Social, leváronse a cabo arredor de 40.000 actuacións, das cales se levantaron actas por infraccións nun 6,6 % dos casos. En canto á campaña de control da fraude nos ERE, en 2013 visitáronse 473 empresas e verificouse a situación de máis de 3.800 traballadores; e do total de seguimentos realizados, só se detectaron infraccións no 2,9% dos casos.
O titular da Xunta lembrou que o Goberno galego vén traballando intensamente para dar cumprimento á normativa laboral e evitar posibles fraudes á Seguridade Social pero, co convenio asinado hoxe refórzase o avance e o compromiso de Galicia nesta materia, “afondando neste traballo e coordinándonos mellor” entre administracións para “reforzar a nosa senda e afianzar o noso compromiso de detectar e corrixir o emprego non declarado en Galicia e garantir os dereitos dos traballadores, dos asalariados e das persoas que cumpren traballando e cotizando á Seguridade Social”.
Por último, Feijóo reiteroulle o agradecemento á ministra pola sinatura deste convenio que é unha mostra máis do diálogo “fluído e permanente” entre o Ministerio e o Goberno galego e amosouse confiado de que os beneficios deste acordo “serán mutuos” e “os resultados serán bos”, concluíu.
