Fernández-Tapias destaca a tripla dimensión formativa, laboral e de servizo dos obradoiros de Mos Peregrino e Mocidade no Camiño
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto á alcaldesa Nidia Arévalo, visitou hoxe ao alumnado dos obradoiros Mos Peregrino e Mocidade no Camiño, dos que destacou a súa tripla dimensión formativa, laboral e de servizo público. Neste sentido, insistiu en que o obxectivo do Executivo autonómico a través destes talleres é ofrecer ás persoas demandantes de emprego unha cualificación especializada que incremente as súas posibilidades de atopar un traballo.
Fernández-Tapias, que tivo a oportunidade de coñecer ao detalle o programa formativo que se está a impartir neste municipio e as actividades que nel se realizan, incidiu na decidida aposta do Goberno galego por ofrecer unha formación á carta das necesidades do tecido empresarial. Con estas iniciativas, dixo, “gañan todos; os participantes e as empresas da contorna”. Asemade, a delegada incidiu na importancia da colaboración entre administracións, por canto se incrementan as oportunidades laborais dos galegos e galegas.