Antecedentes

Polo Real decreto 552/2006, do 5 de maio, foi aprobado o acordo adoptado o día 17 de abril de 2006 pola Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado – Comunidade Autónoma de Galicia pola que, amplíanse os medios económicos adscritos ás funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 146/1993, de 29 de xaneiro, en materia de xestión da formación profesional ocupacional (formación continua).

Polo Decreto 106/2006, de 30 de xuño se asumen os medios económicos e as funcións e servizos transferidos correspondendo á Consellería de Traballo exercer as funcións que sexan necesarias para o correcto desenvolvemento das funcións traspasadas.

En virtude das normas anteriores, se transfiren á Xunta de Galicia os créditos relativos aos medios persoais, materiais e económicos adscritos á Fundación Tripartita para la Formación en el Empleo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que “se xestionarán mediante a subscrición do correspondente convenio a través do órgano competente en representación da comunidade autónoma”.

A Fundación Tripartita para la Formación en el Empleo, en virtude do establecido na disposición transitoria única do Real Decreto 1046/2003, do 1 de agosto que regula o subsistema de formación profesional continua, desempeña as funcións atribuídas polo artigo 21 do mencionado Real decreto á Fundación estatal para a formación no emprego, en tanto que esta non se constitúa.

Consonte o anterior, a Consellería de Traballo considerou que coa entrada en vigor do Real Decreto 552/2006 era necesario a creación dunha fundación do sector público de Galicia que no ámbito da Comunidade Autónoma desenvolvese as actividades que viña desenvolvendo a Fundación Tripartita para la Formación en el Empleo, sen prexuízo das funcións que corresponden á Xunta de Galicia en materia de emprego e formación.

Fronte á utilización doutras figuras de xestión de servizos públicos como sociedades de dereito privado ou outro tipo de entidades de dereito publico (consorcio, organismos autónomo) a opción da Fundación ven a resultar a máis axeitada para a xestión da formación para o emprego:

  • Permite a participación de xeito paritario da administración e os axentes sociais nos órgano de dirección.
  • Leva a cabo unha xestión máis áxil e eficaz dos recursos destinados á formación.
  • Non altera as competencias da Xunta de Galicia en materia de formación para o emprego.

A actual Fundación Pública Galega da Formación para o traballo, naceu como Fundación Galega da Formación para o Traballo, en diante FGFT, e foi constituída en maio de 2008, como entidade sen ánimo de lucro, adscrita á Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.

A FGFT foi declarada, de interese laboral por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública o 9 de xullo de 2008 (D.O.G. nº 140 do 21 de xullo), de interese galego por Orde da Consellería de Traballo do 22 de agosto de 2008 ( D.O.G. nº 171 do 4 de setembro) e inscrita no Rexistro Único de Fundacións de interese galego co número 2008/11.

Con data de 10 de novembro de 2011, o Consello da Xunta de Galicia, autorizou a modificación dos estatutos da FGFT de conformidade co disposto no art. 114.1 da lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia, como consecuencia da necesidade de dar cumprimento ao establecido na Disposición transitoria terceira da propia LOFAXGA. O 25 de novembro de 2011, en reunión ordinaria nº3/2011 do Padroado da FGFT, adoptou o acordo para proceder a sinatura de ditos Estatutos, e a súa posterior elevación á escritura pública. Así no seu artigo 1º pasa a súa denominación a ser Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo”.

OBXECTO E FINS

O obxecto principal da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo ( en adiante FPGFT) é a realización de fins xerais de interese galego, no ámbito territorial no que a súa denominación e fins se contraen, e ao fomento e desenvolvemento das políticas de formación para o emprego de Galicia.
Entre os seus fins destacamos os seguintes:

  • Promover, aplicar e implementar actuacións tendentes á configuración dun sistema integrado de formación profesional en Galicia.
  • Promover a eficiencia e a eficacia das políticas de formación a través do análise e mellora continuada das mesmas.
  • Impulsar e estender entre os empresarios, empresarias, traballadores e as traballadoras unha formación que responda as súas necesidades e contribúa ao desenvolvemento dunha economía baseada no coñecemento.
  • Favorecer a formación ao longo da vida dos traballadores e traballadoras mellorando a súa capacitación profesional e promoción persoal.
  • Proporcionar aos traballadores e traballadoras os coñecementos e as prácticas adecuadas aos requirimentos do mercado de traballo e as necesidades das empresas.
  • Contribuír á mellora da produtividade e competitividade das empresas, e a estabilidade e calidade do emprego.
  • Calquera outro fin que conduza o cumprimento do obxecto fundacional.