Galicia conta cunha nova aceleradora para fortalecer o emprendemento innovador e a proxección internacional da industria alimentaria

Lun, 25/03/2019 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Santiago de Compostela, durante a presentación da primeira aceleradora alimentaria de Galicia, a Business Factory Food (BFFood), que o obxectivo deste novo proxecto é fomentar o emprendemento innovador nesta industria e fortalecer a súa proxección internacional.

A iniciativa, impulsada pola Xunta a través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, contará coa coordinación e xestión do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). Ademais, importantes empresas tractoras deste sector xa amosaron o seu interese en participar neste proxecto que tamén contará co apoio doutras entidades e centros tecnolóxicos e de coñecemento. Neste sentido, o conselleiro lembrou que se trata dunha iniciativa aberta e convidou a todos os axentes desta industria a sumarse.

A BBFood vén sumarse ás aceleradoras sectoriais coas que Galicia conta en sectores como a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada no agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa). Ademais intégrase en StartIN Galicia, que aglutina aceleradoras e coworkings cos que se está apoiando o desenvolvemento de 900 proxectos emprendedores.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/38550/galicia-conta-cunha-nova-aceleradora-para-fortalecer-emprendemento-innovador