Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o desemprego no último ano e volve superar o millón de afiliados

Mér, 12/09/2018 - 08:30

Galicia é a segunda Comunidade na que máis baixa o desemprego no último ano e volve superar o millón de afiliacións por terceiro mes consecutivo. Así o destacou hoxe a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, que asegurou que estes datos confirman que a estabilidade en Galicia permite que o paro -con 164.424 persoas sen emprego- se sitúe en niveis inferiores aos de hai 9 anos.

Na evolución anual, o desemprego baixou nun 9,22% polo que Galicia conta con 16.701 desempregados menos que en agosto de 2017. O ritmo de descenso supera en máis de tres puntos ao do conxunto do Estado, onde baixou nun 5,92%. En canto ás afiliacións subiron nun 2,15%, o que supón 21.497 afiliados máis á Seguridade Social, superando por terceiro mes consecutivo a barreira do millón de afiliacións e sendo maior o incremento nestas que a redución de parados.

Con respecto á contratación, apuntou que a indefinida subiu un 58,23% (case 25 puntos máis que no resto de España) superando en máis de 57 puntos o ritmo de subida da temporal, mentres que tamén se incrementan as contratacións a tempo completo un 6,49%. Neste sentido, a secretaria xeral de Emprego asegurou que estes datos confirman que Galicia consolida o proceso de estabilización do emprego.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/33276/galicia-segunda-comunidade-que-mais-baixa-desemprego-ultimo-ano-volve-superar