Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o paro e suma 45 afiliados ao día no último ano

Mér, 04/09/2019 - 08:30

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, informou hoxe de que Galicia é a segunda Comunidade na que máis baixou o paro. Así, rexistrou no mes de agosto unha baixada do paro do -6,45% fronte ao -3,65% de España, é dicir, preto de tres puntos mellor.

En Galicia, polo tanto, hai 10.604 desempregados menos que hai un ano, polo que o número de parados sitúa á Comunidade en niveis moi inferiores aos de hai unha década e próximos aos de antes do inicio da crise. O paro, polo tanto, continúa caendo 6 anos de xeito consecutivo no mes de agosto.

Con respecto á evolución anual das afiliacións, con 1.036.900 de cotizantes, a Comunidade leva seis meses consecutivos por riba do millón e suma, no último ano, un total de 16.513 afiliados (+1,62%), o que supón unha media de 45 ao día. A estabilidade da economía galega permite á Comunidade comportarse mellor ante a incerteza política de España e, así, as afiliacións medran a un ritmo maior do que baixa o paro.

A secretaria xeral, así mesmo, indicou que o desemprego baixa nos colectivos prioritarios para a Xunta: os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración. De feito, 9 de cada 10 persoas que saíron do paro no último ano atopábanse nesta última situación.

O paro tamén caeu nas catro provincias e sete grandes cidades galegas e en todos os sectores de actividade, liderando o descenso a construción (-13,20%), seguido da agricultura e a pesca (-9,20%), da industria (-7,25%) e dos servizos (-4,92%). En canto á baixada por provincias, Lugo lidera a caída cun descenso do -8,05%, seguida da de Ourense (-7,44%), da Coruña (-6,34%) e de Pontevedra (-5,86%).

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/42592/galicia-segunda-comunidade-que-mais-baixa-paro-suma-45-afiliados-dia-ultimo-ano