Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o paro na evolución anual e suma 252 afiliados ao día no último mes

Mér, 05/06/2019 - 08:30

Galicia é a segunda comunidade na que máis baixou o paro en maio con respecto a hai un ano, superando, ademais, a media de caída de desemprego rexistrada no Estado, con máis de tres puntos e medio de diferencia. Así, a Comunidade galega rexistrou no mes de maio unha baixada do paro do -8,99% fronte ao -5,31% de España.

En Galicia, polo tanto, hai 15.891 desempregados menos que hai un ano, polo que o número de parados sitúa á Comunidade en niveis moi inferiores aos de hai unha década. O paro, polo tanto, continúa caendo, 6 anos de xeito consecutivo no mes de maio. O desemprego tamén descende na evolución mensual, nun 3,26% con respecto a abril (-5.421 persoas).

Con respecto á evolución anual das afiliacións, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, sinalou que continúan crecendo, situándose nos mellores niveis da década. Galicia volve a superar a barreira do millón de cotizacións aumentando nun 2,04% (+20.315). A Comunidade, ademais, leva seis anos de incrementos consecutivos. En canto á evolución mensual, Galicia rexistrou 7.814 afiliacións máis que no mes de abril. O incremento producido supón un ritmo de 252 afiliados ao día.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/40324/galicia-segunda-comunidade-que-mais-baixa-paro-evolucion-anual-suma-252-afiliados