Galicia pecha o mes de xullo con 12.031 persoas desempregadas menos, a Comunidade co maior descenso en termos absolutos

Mar, 05/08/2014 - 11:35
Galicia pechou o mes de xullo con 12.031 parados menos que no mes de xuño, o que en termos porcentuais se traduce nunha baixada do 4,77 por cento. É a comunidade autónoma onde máis baixou o paro rexistrado en termos absolutos e a segunda en termos relativos (-4,90%). A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, valorou a evolución dos datos do paro rexistrado, salientando que Galicia rexistrou o segundo maior descenso en termos absolutos de toda histórica, xunto co producido en xullo do ano pasado (-2.332), isto é, desde o ano 1996. Así mesmo, Mato destacou que a comunidade autónoma presenta tamén unha diminución do paro a nivel interanual: 20.823 desempregados menos, un -7,98 por cento, o que supón a maior baixada internanual nun mes de xullo desde o ano 1999, tanto en termos absolutos e relativos. Trátase, ademais, da novena baixada consecutiva internaual (-7,98%) desde novembro de 2013 e a maior de todas elas en termos porcentuais. A titular de Traballo destacou que estes datos veñen a demostrar “a contención da destrución de emprego e a mellora progresiva interanual”. Ademais, Galicia remata xullo con menos parados (-19.919) dos que había en xullo de 2012, isto é, segundo resaltou a conselleira, que se volve a niveis de paro inferiores aos de 2012, de hai dous anos. En España, o desemprego baixou en 29.841 persoas, un 0,67 por cento, ata situarse nos 4.419.860. En termos interanuais, o desemprego en España descendeu nun -5,94%. Deste xeito, Galicia sitúase por riba da media estatal, tanto a nivel mensual como en interanual. Mato resaltou que a análise por sectores reflicte que, de novo, a maior diminución produciuse no sector servizos (-8.063); seguida pola construción (-1.882); a industria (-1.492); e a agricultura e a pesca (-661). Por provincias, o paro baixou en todas elas en termos absolutos. O maior descenso corresponde á de Pontevedra (-5.022); seguida por A Coruña (-4.116); Lugo (-1.556) e Ourense (-1.337). As provincias da Coruña e Pontevedra, xunto con Cádiz, son , ademais, as tres provincias onde máis baixa o paro a nivel intermensual. En canto aos contratos, en Galicia rexistráronse no mes de xullo un total de 91.604 contratos, 17.387 contratos máis que no mes anterior. Deste total, 5.466 foron indefinidos (5,97%) e 86.138 temporais (94,03%). En definitiva, Mato afirmou que “Galicia está á cabeza das Comunidades autónomas, tanto en termos de baixada do desemprego como de afiliación á Seguridade Social, xa que rexistramos 14.421 afiliados máis que no mes anterior” e engadiu que a Comunidade autónoma tamén está “no bo camiño no seu esforzo e traballo diario polos desempregados galegos”. Por último, sinalou que “aínda que estes datos sexan positivos e constaten a boa evolución da economía da nosa comunidade, Galicia seguirá a traballar por cada un dos desempregados que existen na actualidade”.