Galicia reduce o paro a niveis de hai unha década ao aumentar en 2018 as afiliacións en 20.659

Xov, 03/01/2019 - 13:16

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado, que no último ano baixou en 15.718 persoas, é dicir, un 8,50% menos que en decembro de 2017, o que sitúa á Comunidade como a terceira na que máis descende o desemprego, mellorando a media estatal, que foi de -6,17%. Así Galicia leva un ano entre as catro Comunidades que máis reduciu o paro, mes a mes, na evolución interanual. Ademais, desde 2014 está logrando pechar a ano cun descenso do paro maior que no conxunto do Estado.

A Comunidade Autónoma sitúase a niveis de paro inferiores aos de hai 10 anos, sumando xa máis de seis anos de baixadas consecutivas, desde decembro de 2013. Neste tempo a cifra de paro descendeu en máis de 109.000 desempregados, é dicir, 2 de cada 5 parados abandonaron as listas do paro neste período. En palabras de Toca, “Galicia vai polo bo camiño pero temos que seguir traballando e impulsando medidas que favorezan a creación de máis e mellores postos de traballo e, ademais, dean resposta ao emprego que vén”.

A secretaria xeral de Emprego tamén destacou que, de xeito intermensual, Galicia logrou, por segunda vez en toda a serie histórica, un descenso do desemprego en decembro que se situou nun -0,63% con respecto ao mes de novembro.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/36519/galicia-reduce-paro-niveis-hai-unha-decada-aumentar-2018-afiliacions-20-659