Galicia rexistrou no mes de xaneiro 281.077 persoas desempregadas, un 3,34 por cento menos que no mesmo mes de 2013

Mar, 04/02/2014 - 12:44
Galicia pechou o mes pasado cun total de 281.077 persoas desempregadas. Esta cifra supón un descenso interanual (isto é, con respecto a xaneiro de 2013) dun 3,34 por cento, o que se traduce en que xaneiro remata con 9.713 parados menos dos que había no mesmo mes do ano anterior. Así o explicou hoxe a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, quen cualificou de “negativos” os datos de paro rexistrado referentes ao mes de xaneiro, dado que se produciu un aumento a nivel mensual (+3,69%), como é habitual nestas datas. A pesares disto, explicou tamén que son as cifras interanuais as que permiten coñecer a evolución do desemprego de forma “desestacionalizada”. Deste xeito, en xaneiro de 2013 había 290.790 persoas sen emprego, mentres que este mes rematou con 281.077 desempregados. Trátase, ademais, da terceira baixada consecutiva interanual e é a maior de todas elas. En novembro xa se rexistrou unha interanual negativa do -2,05%, e en decembro foi do -2,77%, para agora situarse nun -3,34 por cento. Estes datos confirman “a tendencia de contención da destrución de emprego”. Neste sentido, a responsable autonómica recordou que desde 2007 non se rexistraban interanuais negativas. Con respecto á evolución intermensual, a directora xeral apuntou que, con respecto a decembro, o paro rexistrado sube en Galicia un 3,69% (+10.014 persoas), unha cifra que está por debaixo dos valores rexistrados en 2009, 2012 e 2013. Polo que respecta ao Estado, o paro aumenta nun 2,41 por cento en comparación ao mes de decembro, o que se traduce en 113.097 desempregados máis, ata situarse nos 4.814.435 parados. Analizando o desemprego en Galicia por sectores, obsérvase que o sector servizos acumula máis do 81 por cento do total do paro rexistrado, vinculado “claramente” ao fin da campaña de Nadal. Así, no sector servizos o desemprego aumenta en 8.157 persoas. A continuación sitúase a construción (+928); a industria (+723); o colectivo sen emprego anterior (+127); e a agricultura e a pesca (+79). Por provincias, o paro incrementouse en todas elas. A maior subida corresponde á da Coruña (+4.228); seguida por Pontevedra (+3.246); Ourense (+1.381); e Lugo (+1.159).