Galicia sitúase como referente internacional no sector do contract con máis de 9000 proxectos en 800 cidades diferentes
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na apertura da IX Semana Internacional Contract que Galicia se sitúa como referente internacional no ámbito do equipamento de edificios de uso colectivo, con máis de 9000 proxectos realizados en 800 cidades de todo o mundo que levan a firma do contract galego. Conde sinalou que forman parte do sector máis dun cento de empresas galegas que desenvolven a súa actividade en máis de cen países, facturando algunhas delas o 95% da súa produción fóra da Comunidade.
Así, cadeas hoteleiras como Hilton, Four Seasons, ou o grupo Marriot, ou firmas do retail como Inditex, Dior, Chanel ou Loewe confían no contract galego para os seus establecementos. Na súa intervención, o conselleiro sinalou que esta internacionalización do sector galego é posible grazas a factores como a puntualidade dos seus procesos, a coordinación e a cooperación entre as diferentes empresas, e a aposta clara pola sustentabilidade.
