Igualdade e a Federación Galega de Xoves Empresarios reúnense para traballar en prol do emprendemento feminino

Xov, 06/02/2014 - 10:54
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro con responsables da Federación Galega de Xoves Empresarios, para coñecer os plans de traballo da entidade relativos ao emprendemento feminino. Entre outros asuntos, os representantes dos xoves empresarios destacaron que segundo se desprende do informe GEM 2012 continúa aumentando a presencia de mulleres na xeración de novas iniciativas emprendedoras. Así, a porcentaxe de mulleres emprendededoras en Galicia subiu do 39 por cento en 2011 ao 49 por cento en 2012. AJE Galicia traballa para fomentar a vocación empresarial e a difusión da cultura emprendedora entre os xoves galegos, a través de diferentes servizos, actividades e programas, xerando sinerxías empresariais dentro da nosa comunidade. A asociación agrupa a 1.200 empresas integradas nas asociacións de xoves empresarios da Coruña, Ferrolterra, Lugo, Pontevedra e Ourense, e está a súa vez asociada á Confederación Española de Asociaciones de Jóvenes Empresarios- CEAJE.