Máis de 2000 desempregados cualifícanse en especialidades cunha gran demanda laboral a través das Unidades Formativas da Xunta

Mar, 27/11/2018 - 08:30

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Mos que máis de 2000 persoas sen emprego están a recibir cualificación en 141 Unidades Formativas na Empresa, un programa que a Xunta está desenvolvendo en toda Galicia para dar resposta aos novos perfís profesionais. Pontevedra é a provincia máis representada nesta actuación ao reunir máis do 80% das unidades.

Precisamente, o titular de Economía visitou hoxe unha destas iniciativas que vén de rematar en Mos, na compañía Rodavigo que ten entre os seus clientes as principais empresas tratoras da automoción ou do naval en Galicia e na que 9 desempregados formáronse en xestión comercial de vendas no sector industrial. O 100% dos participantes acadaron un posto de traballo.

O conselleiro, ademais, referiuse a unha segunda unidade que se está a realizar nesta localidade e que impulsa a Asociación de Empresarios de Mos nas firmas Mecoxi, Tormeal, Galmetec e Hergome con máis de 30 anos de experiencia. Neste caso, están recibindo formación outras dez persoas para poder traballar como operario programador en centros de mecanizado.

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/35657/mais-2000-desempregados-cualificanse-especialidades-cunha-gran-demanda-laboral