Máis de 4.300 persoas beneficiáronse das actuacións do Programa de Voluntariado Dixital da Xunta en dous anos

Mér, 26/03/2014 - 11:18
O labor de máis de 340 voluntarios dixitais e das 78 entidades adscritas ao Programa de Voluntariado Dixital da Xunta conseguiu achegar os beneficios das TIC a máis de 4.300 persoas nos últimos dous anos. Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Traballo e Benestar, ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías á unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía. O Programa de Voluntariado Dixital foi elixido pola Comisión europea como exemplo de boa práctica en materia de inclusión social a través das TIC e está a ser analizado nun seminario de avaliación por pares, que se celebrou onte en Santiago. No encontro participan representantes de 10 entidades correspondentes a 7 países europeos: Bélxica, República Checa, Polonia, Romanía, Suecia, Reino Unido e Portugal, así como cunha representante da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea, Emanuela Tassa. A xornada de traballo foi clausurada a tarde de onte pola directora da Amtega, Mar Pereira e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro. Inclusión dixital, unha prioridade da Axenda Dixital galega A directora da Amtega sinalou que o Programa de Voluntariado dixital forma parte da estratexia tecnolóxica global, 2014.gal, que arrincaba en 2010 cunha liña específica para acadar unha cidadanía dixital, capacitada para afrontar os retos da sociedade da información. Neste sentido, Pereira recordou que ao Voluntariado dixital se suman outras medidas como a posta en marcha en 2011 da rede de aulas públicas CeMIT con formación dixital gratuíta, presente xa en todas as comarcas galegas con 98 centros e con máis de 32.000 usuarios rexistrados, e o Plan Abalar, no ámbito educativo, que está a transformar as aulas tradicionais en dixitais e do que xa se benefician 531 centros e 50.000 alumnos neste curso. A directora da Axencia destacou, tamén, o esforzo na extensión de infraestruturas de telecomunicacións na Comunidade a través do Plan de Banda Larga da Xunta, que facilitou o acceso a Internet a máis 700.000 galegos sen cobertura en 2010. Estas medidas, sinalou, permitiron avanzar, pero para cumprir os obxectivos da Axenda Dixital Europa “debemos continuar traballando” e, nesta liña, indicou que se está a elaborar o Plan de Inclusión Dixital de Galicia, que se presentará antes do verán e que ten como obxectivo implantar un modelo global e universal de inclusión dixital na Comunidade. Incremento do voluntariado Pola súa banda, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou as melloras que no eido do voluntariado se acadaron en Galicia nos últimos anos. Así, indicou que o voluntariado incrementouse e, deste xeito, as entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria creceron nun 14 por cento, superando hoxe en día xa as 860. Con respecto aos voluntarios, o número de inscritos en 2013 chegaron ata os 36.500 galegos e galegas. Rodeiro lembrou que a Xunta mellorou o marco normativo neste ámbito impulsado a nova Lei Galega de Acción Voluntaria que o Parlamento galego aprobou por unanimidade en 2011. Tamén o Goberno galego puxo en marcha o Plan Galego de Acción Voluntaria 2011-2014, unha estratexia de presente e de futuro para promover o voluntariado na Comunidade. Neste senso, o director xeral avanzou que xa se está a traballar para darlle continuidade a esta actuación cun novo documento que abarcará desde 2015 ata 2018 e buscará seguir dando resposta aos retos de futuro de todos os actores do sector. Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar puxo en marcha o Servizo de Voluntariado Xuventil, que en 2014 vai alcanzar a súa cuarta edición. Por último, o responsable de Xuventude e Voluntariado sinalou que “un dos grandes avances” foi sentar as bases para que os voluntarios poidan acreditar de forma oficial, a través un historial persoal, as súas experiencias adquiridas e concluíu a súa intervención destacando que todas estas melloras acadáronse coa máxima colaboración das entidades de acción voluntaria e asegurando que a alfabetización dixital e reducir ao mínimo a brecha dixital é un dos obxectivos principais dos voluntarios en Galicia. Cinco experiencias Durante a primeira xornada do seminario presentáronse cinco experiencias do Programa de Voluntariado Dixital en colaboración con distintas entidades: a iniciativa de Tecnoloxía e Software Libre en Centros Penais galegos, desenvolvida pola Asociación de Usuarios de Software Libre, MELISA; o Proxecto Centro de recursos para persoas con gran discapacidade física, realizada por COGAMI; o Proxecto Envellecemento Activo da Asociación Sociocultural Os Tilos; o Proxecto Educa R, do operadora R Cable e telecomunicacións; e a Plataforma de Crowdfunding “Agora máis que nunca” de Cruz Vermella. Seminarios de avaliación por pares Os seminarios de avaliacións por pares son unhas iniciativas impulsadas pola Comisión Europea para difundir entre os países membros iniciativas e proxectos de interese en determinados ámbitos para fomentar a aprendizaxe e o intercambio de información a través da avaliación e a análise crítica por parte de expertos nesa materia. Este método supón que o Estado membro, cuxa iniciativa resultou elixida, organiza un seminario no seu territorio ao que convida a representantes doutros países.