Máis de 700 mozos e mozas participaron nos talleres de participación e emprendemento promovidos por Xuventude

Lun, 19/05/2014 - 09:08
Máis de 700 mozos e mozas participaron nalgún dos 57 foros “Taller de ideas: cara o emprendemento desde a participación”, organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar. Estes encontros celebráronse ao longo dos últimos dous meses co obxectivo de difundir entre a mocidade a información e as ferramentas para poder levar a cabo o desenvolvemento e execución de proxectos de participación xuvenil de calidade. Estes foros, que se realizaron en grupos reducidos, constitúen unha ferramenta de traballo sobre proxectos de participación, polo que estiveron enfocados principalmente a entidades de carácter xuvenil ou mozos e mozas xa decididos a presentar propostas no marco do programa Iniciativa Xove ou outros similares; ou ben a aqueles que xa tiveran concorrido a outras convocatorias e busquen mellorar as súas competencias en canto á redacción e execución de proxectos. Estas iniciativas tamén pretenden potenciar o talento e o liderado xuvenil, xa que nos obradoiros participaron mozos e mozas menores de 30 anos, animadores xuvenís, técnicos locais de emprego, axentes de desenvolvemento local, concelleiros de xuventude, asociacións xuvenís, grupos informais e, en xeral, a calquera colectivo interesado en programas de participación xuvenil. Estes obradoiros teñen, ademais, como obxectivo a consolidación dos programas de participación xuvenil como actividades de aprendizaxe non formal que permiten aos participantes desenvolver as súas capacidades, creatividade e espírito emprendedor, involucrándose na posta en marcha dos seus propios proxectos.