Mato destaca que os plans específicos para inserción social e laboral de mozos e adolescentes beneficiaron a 500 menores en 2013
Ven, 16/05/2014 - 09:53
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, avogou en Santiago pola importancia de levar a cabo programas específicos para a inclusión social de mozos e adolescentes nas xornadas ‘Adolescencia e xuventude. Da exclusión social á cidadanía activa’ organizadas por Igaxes 3. A titular de Benestar destacou que a Xunta colabora co desenvolvemento de dous plans concretos neste eido co propósito de fomentar a autoestima dos mozos e mozas, dotándoos de ferramentas para afrontar problemas e axudarlles a que saiban apoiarse na familia e amigos. Trátase dos programas Mentor e Formación e ocupación de menores infractores en centros de Insergal, no que participaron ao longo de 2013 máis de 500 menores.
O programa Mentor, que desenvolve a Consellería de Traballo e Benestar en colaboración directa con Igaxes e que conta con financiamento nun 80 por cento do Fondo Social Europeo, está destinado aos mozos maiores de 16 anos con algunha medida de protección ou que cumpran unha medida xudicial por infracción penal.
A iniciativa ten por obxectivo principal capacitar a estes mozos para a súa integración social e construír un futuro para eles no momento que abandonen o sistema de protección. Nesta iniciativa tomaron parte en 2013 un total de 422 menores dos que se acadou unha inserción laboral de preto de 20 por cento. En concreto, aos menores ofréceselles educación e formación tendo a empregabilidade como horizonte; créaselles redes de apoio para a súa inclusión e dáselles o máximo apoio para comezar un proceso de autonomía e empoderamento.
O segundo dos programas, o de Formación e ocupación de menores infractores en centros, está dirixo a maiores de 16 anos que cumpren medidas de internamento nos catro centros de reeducación que hai en Galicia. A finalidade desta actuación, que desenvolve a Consellería de Traballo e Benestar en colaboración con Insergal, é dotar aos menores das ferramentas, habilidades e actitudes necesarias para afrontar a vida independente co maior éxito posible, proporcionándolles recursos persoais para o acceso ao mercado de traballo. Para conseguir este obxectivo, a través deste plan, deséñanse itinerarios personalizados e integración de inserción sociolaboral nos que se ofrecen aos menores formación, prácticas e bolsas en empresas, contratacións, acompañamento e seguimento. Nesta iniciativa tomaron parte en 2013 un total de 164 menores cunha media de idade de 17 anos aos que se lles realizou un itinerario personalizado de inserción. Un total de 16 mozos foron contratados nos propios centros nas panaderías e como xardineiros, 24 realizaron bolsas formativas remuneradas e 20 deles prácticas en empresas colaboradoras.
Mato resaltou o compromiso da Xunta coa inclusión social en xeral dos colectivos máis vulnerables, como son os mozos e adolescentes, lembrando que ao eido da inclusión destínanse este ano 59, 2 millóns de euros. Tamén sinalou que o Goberno galego aposta pola inclusión activa e, por iso, afirmou que a Lei de Inclusión que se aprobou no Parlamento de Galicia a finais do ano pasado, articula unha nova RISGA, que estimula e incentiva os itinerarios individuais cara o emprego.
Proxecto SV4Life
Por último, a conselleira gabou o proxecto ‘Vacinas Sociais para a vida. SV4Life’ no que se centran as xornadas que está a organizar Igaxes en Santiago, unha actuación que aposta por unha inclusión social activa para as persoas que pertencen aos colectivos máis vulnerables na actualidade: as mulleres en risco de exclusión; presidiarios e ex presidiarios; desempregados de longa duración; persoas de etnia xitana e mozos en situación de risco.
Este proxecto está desenvolvido por cinco entidades de iniciativa social de distintas rexións europeas, entre elas Galicia, a través de Igaxes. O resto dos socios pertencen a Reino Unido, Portugal, Eslovaquia e Estonia. Trátase dunha proposta innovadora que aposta por un enfoque de prevención para que os mozos aprendan a evitar situacións perigosas.
